Outono querido…..

Xa comezamos unha das estacións máis bonitas do ano. É unha época de cambios de “cara”. As árbores mudan as súas folliñas, as rúas fan “mantas” de follas e nós podemos apreciar a variedade e as súas cores, e como non esas árbores espidas que nos transmiten frío cando as observamos.

Follas caducas. Época de castañas. Camiñamos polas beirarúas e podemos observar como en cada recuncho das rúas hai homes asando castañas. O seu arrecendo é identificativo; raro é aquel que non se anima a probar as primeiras da tempada. Moitos dos que vivimos nas aldeas saímos en busca desta maravilla.

Non nos debemos esquecer da súa festa, O Magosto. Os nenos son os que máis aprecian esta tradición, pois dende cativos,  e xa no cole,  celebran a súa propia festa.

Outra das festas da nosa terra, e que está a coller forza de novo é o Samaín. Unha festividade de orixe celta que é na noite do 31 de Outubro ó 1 de Novembro; celebrábase con ela o final da tempada de colleitas na cultura celta. 

Nesta data tamén se pode observar coma as casas se adornan cas cabazas. As nosas cabezas non descansan para obter a cabaza máis bonita (somos coma nenos, jajaja…)

Uns meses de maxia, cores no medio de tanto ceo gris, paraugas abertos, catiuscas e…. toca saltar entre charco e charco.

Así é a nosa Galiza.

 

Esta quincena ímola a adicar ás manchas de barro. Son uns meses pasados por auga. Os baixos da roupa son os que levan a peor parte. Por iso veremos como podemos facer para que a limpeza sexa un pouco máis doada.

Imos seguir uns pasiños:

Deixaremos que a mancha seque. A continuación rasparemos o barro co fío dun coitelo. Despois podédeslle fregar unha xema de ovo e logo aclarade con auga morna.

Se observades que a mancha aínda persiste, solución de auga morna, vinagre e amoniaco. Mezcla nun recipiente 1 litro de auga morna, a medida dunha taza de café de vinagre e unha cucharadiña de amoniaco. Aplicádea na mancha cun trapo e lavádea normalmente.

Veredes que doado é seguir tendo a roupa en perfecto estado.

Saúdos.